Correspóndelle a esta subdirección a aplicación das directrices da Dirección Xeral en materia de planificación e coordinación dos programas que actúen sobre os factores ambientais determinantes da saúde da poboación galega.
Así mesmo, desenvolverá as funcións de fomento da coordinación entre os distintos órganos dependentes da Consellería de Sanidade con competencias en materia de saúde laboral e a colaboración coas sociedades científicas e co Sistema nacional de saúde, establecendo as pautas e protocolos de actuación a que deberán someterse os servizos de prevención nas actuacións de carácter sanitario que se realicen nas empresas.
Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:
- Servizo de Seguridade Alimentaria. (Funcións)
- a) A planificación, programación, xestión e difusión da información das actividades de protección da saúde fronte aos riscos asociados ao consumo de alimentos.
- b) A coordinación da actividade inspectora en materia de seguridade alimentaria.
- c) A coordinación e o seguimento das actuacións no marco da Rede de alerta alimentaria.
- d) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.
- Servizo de Sanidade Ambiental. (Funcións)
- a) A planificación, programación, xestión e difusión da información das actividades de protección da saúde da Comunidade Autónoma fronte aos riscos asociados aos ambientes específicos.
- b) A proposta de informe vinculante para os efectos do establecido na normativa vixente en materia de augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos sanitarios.
- c) A coordinación da actividade inspectora en materia de sanidade ambiental.
- d) O fomento da coordinación entre os distintos órganos ou entidades dependentes da Consellería de Sanidade con competencias en materia de saúde laboral, así como colaborar no desenvolvemento dos protocolos de actuación a que deberán someterse os servizos de prevención nas actuacións de carácter sanitario que realicen nas empresas.
- e) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.
- Servizo de Protección Radiolóxica. (Funcións)
Correspóndenlle as seguintes funcións, sen prexuízo das competencias atribuídas á Axencia Galega de Emerxencias en materia de protección civil e a outros órganos das distintas consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Establecer un sistema de validación e seguimento que permita determinar se o programa de garantía de calidade en radioterapia, medicamento nuclear ou radiodiagnóstico se adecua aos obxectivos previstos, cumpre coas disposicións regulamentarias que lle sexan de aplicación e está implantado de forma efectiva, para os efectos da súa certificación; o seguimento e a vixilancia de cada un dos criterios de calidade establecidos en radioterapia, medicina nuclear ou radiodiagnóstico, realizando, se é o caso, as auditorías necesarias e as propostas de medidas correctoras ou procedementos que correspondan; promover a mellora da calidade, eficiencia e efectividade do acto radiolóxico médico evitando exposicións inadecuadas ou excesivas ás radiacións ionizantes.
b) Elaborar os criterios mínimos que garantan a seguridade, eficacia e eficiencia dos equipamentos das instalacións radiolóxicas, sen prexuízo das competencias do Consello de Seguridade Nuclear e outros organismos con autoridade na materia.
c) Elaborar o inventario dos equipos radiolóxicos das instalacións de radiodiagnóstico, radioterapia e de medicina nuclear e colaborar co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade na realización do Censo nacional de instalacións radioactivas de uso médico.
d) A realización dos estudos necesarios para a actualización dos criterios de ordenación que, en relación coa protección radiolóxica, se apliquen na autorización previa á creación, ampliación e modificación de centros e establecementos sanitarios.
e) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.