A gripe é unha enfermidade infecciosa aguda do aparato respiratorio causada polo virus da influenza, do cal existen tres tipos principais (A, B e C) sendo os dous primeiros os responsables das epidemias anuais. O reservorio principal é o ser humano, aínda que algúns animais, como aves e porcos, poden actuar como reservorios e orixe de novas variantes, como ocorre no caso da gripe aviaria.
A transmisión prodúcese fundamentalmente por vía aérea, a través de pingas respiratorias emitidas ao tusir, esbirrar ou falar, e tamén polo contacto con superficies contaminadas. A susceptibilidade é universal, e a inmunidade adquirida tras a infección ou a vacinación é específica pero limitada no tempo, debido ás frecuentes mutacións do virus.
As medidas preventivas principais inclúen a vacinación anual das persoas de risco, o uso de máscara nos pacientes sintomáticos, a hixiene frecuente das mans, a ventilación dos espazos pechados e a restrición de contactos nos casos para reducir a transmisión comunitaria.
Dende a semana 49 do ano 2024, a información epidemiolóxica da gripe publícase de xeito conxunto coa do resto de Infeccións Respiratorias Agudas na seguinte ligazón: