Hepatite A

Hepatite A

A hepatite A é unha enfermidade infecciosa aguda producida polo virus da hepatite A (VHA). A infección VHA pode dar lugar a formas asintomáticas, subclínicas e clínicas, nas que as manifestacións abranguen dende un período de síntomas inespecíficos, como falta de apetito, náuseas e malestar xeral, ata ictericia (cor amarela na pel e mucosas) e signos de lesión hepática, con hepatite fulminante en menos do 0'5% dos casos. A duración dos síntomas é variable, de entre unha e dúas semanas ata varios meses nas formas graves. Non se sabe que se produza infección crónica.

A enfermidade, que ten un período de incubación (tempo transcorrido entre o contacto co virus e o inicio dos síntomas) de entre 15 e 50 días, coa media en 28-30 días, adoita ser moi leve en nenos e máis grave nos adultos, nos que non é rara a hospitalización.

O modo máis común de transmisión do VHA é persoa a persoa, por vía fecal-oral, e os abrochos (“brotes" ou “outbreaks") adoitan relacionarse co consumo de auga contaminada, de alimentos contaminados polos manipuladores infectados, incluídos os alimentos que se comen crus ou que foron manipulados despois da súa cocción; de moluscos crus ou mal cociñados collidos en augas contaminadas e de vexetais, como leitugas e froitas contaminadas; ou polas relacións sexuais oroanais ou oroxenitais.

A posibilidade de transmisión da infección dende unha persoa a outra, ocorre xa na segunda metade do período de incubación (é dicir, antes de que comecen os síntomas) e continúa algúns días despois da aparición da ictericia. A maioría dos enfermos non elimina virus despois da primeira semana da ictericia. Non hai eliminación crónica do VHA.

A mellor protección fronte a hepatite A é a vacinación. Está recomendada nos contactos estreitos dos enfermos (ver o Protocolo de vixilancia e control na ligazón de abaixo) e en certos grupos de risco (ver a seguinte ligazón). No protocolo de vixilancia e control pódense consultar as medidas hixiénicas nas garderías e no ámbito escolar, as medidas hixiénicas para as persoas que conviven cun enfermo e a prevención da hepatite A nas viaxes internacionais.​