A súa participación é totalmente voluntaria. Pode decidir non participar ou, se acepta, cambiar
de opinión retirándose ou dando o seu consentimento en calquera momento sen dar ningunha
explicación.
• Por que se lle convidou a participar neste estudo?
O seu médico/a considera que podería beneficiarse deste programa piloto de cancro de pulmón,
xa que ten un risco máis elevado que a media da poboación xeral de presentar esta
enfermidade e cumpre cos criterios de inclusión no mesmo:
- Ter entre os 55 e 74 anos de idade con antecedentes de tabaquismo (>30
paquetes/ano), que fuma actualmente ou deixou de fumar nos últimos 10 anos.
Estudos publicados previamente indicaron que a detección precoz da enfermidade pode ser
beneficiosa no caso de que estea presente, reducindo a mortalidade fronte a non facer nada.
• Antecedentes do cancro de pulmón
O cancro de pulmón é a principal causa de morte por cancro en todo o mundo. En España
estímase que se diagnosticarán 32.115 novos casos de cancro de pulmón en 2025. Nas mulleres,
a incidencia de cancro de pulmón entre 2002 e 2020 duplicouse e tamén se duplicou a
mortalidade, que pasou de 10,6 defuncións anuais por cada 100.000 mulleres en 2002 a 19,8
defuncións en 2020, sendo xa o terceiro tumor máis mortal. En Galicia, o cancro de pulmón
segue a mesma tendencia en incidencia que en España, pero ocupa xa o 2º posto en mortalidade
en mulleres e o 1º en homes (1-3). A pesar da súa incidencia, a maioría destes cancros
diagnostícanse nun estado avanzado debido á ausencia de síntomas en etapas temperás. O
diagnóstico e o tratamento nas fases iniciais da enfermidade poden ofrecer aos pacientes unha
mellor oportunidade de curación.
• Que é o programa piloto de cribado de cancro de pulmón?
A Consellería de Sanidade iniciou un programa piloto de detección precoz do cancro de pulmón
para avaliar a viabilidade deste cribado en Galicia. Os programas de detección precoz de cancro
de pulmón poden reducir a mortalidade por este cancro (aproximadamente un 20%) pois se
detectan cancros en estadios temperáns que permiten tratamentos con maiores taxas de
curación, aínda que a principal medida preventiva para reducir o cancro de pulmón segue sendo
abandonar o tabaco. Por este motivo, o seu médico/a ofreceralle a inclusión nun programa de
cesamento tabáquico e ofreceralle seguimento e apoio experto durante todo o proceso.
• En que consiste a súa participación?
A súa participación consiste na realización dunha tomografía computerizada (TC) de baixa dose
sen contraste como proba de cribado. No caso de detectarse un ou varios nódulos pulmonares,
é probable que se indique a realización de probas adicionais de acordo aos protocolos clínicos
do SERGAS. A maioría dos núdulos pulmonares detectados por TC necesitan control radiolóxico
a intervalos concretos establecidos por un protocolo baseado na mellor evidencia científica.
Nalgúns casos, indícase a realización de probas complementarias, incluíndo estudos de imaxe
metabólicos como a PET-TC, ou unha biopsia pulmonar. A cirurxía resérvase para casos con
alta sospeita de malignidade.
• Cal é a proba de cribado?
A proba de cribado é unha tomografía computerizada (TC) de baixa dose.
• Que efectos adversos ten participar neste Programa?
Estímase que o risco relacionado coa radiación recibida é moi baixo. Cada TC de baixa dose
supón unha dose dose efectiva de 1-1,5 mSv (ou menos). Para a súa información, a dose de
radiación ambiental recibida ao longo dun ano en España aproxímase aos 3 mSv. Ademais,
existe a posibilidade de sufrir preocupación ou ansiedade como consecuencia da identificación
de nódulos pulmonares sospeitosos ou outras patoloxías asociadas ao tabaquismo como a
arterioesclerose coronaria, a fibrose pulmonar, o enfisema, ou a EPOC entre outras. Ao
tratarse de patoloxías relevantes, poden requirir un seguimento por parte do seu médico/a de
acordo aos protocolos do SERGAS. En todo caso, é importante reiterar que a inmensa maioría
de posibles nódulos pulmonares detectados tan só precisan seguimento radiolóxico, e que a
adherencia ao protocolo reduce ao máximo as intervencións invasivas. Tamén hai que lembrar
que o feito de que un nódulo sexa benigno non é de seu xustificación suficiente para non facer
nada, xa que pode tratarse dunha patoloxía relevante e mesmo merecedora por si soa dalgunha
intervención diagnóstica invasiva.
• Cales son as vantaxes de participar?
Facerse un TC de baixa dose pode axudar a detectar, tratar precozmente o cancro de pulmón e
aumentar a probabilidade de curación. Se ten cancro, participar no cribado pode axudar a
detectalo e tratalo nunha fase temperá.
Ao realizar unha TC da zona do tórax, o radiólogo/a pode ver outras partes desta rexión do
corpo E SE HAI OUTROS ACHADOS SIGNIFICATIVOS, INCLUIRANSE NO INFORME e
FACILITARÁSESELLE esta información que poderá consultar co seu médico/a de cabeceira.
Tamén contribuirá a xerar máis coñecementos sobre o cancro de pulmón, o que redundará en
beneficio da sociedade e doutras persoas como vostede.
•Que ocorre se non quero participar ou nalgún momento do proceso cambio de opinión?
A participación neste programa é voluntaria e non afectará á atención que recibe normalmente
por parte do SERGAS. Igualmente, se acepta participar pero cambia de opinión, en calquera
momento pode abandonar o programa.
BIBLIOGRAFÍA