FEBRE
EXANTEMÁTICA MEDITERRÁNEA
A
febre
exantemática mediterránea
(FEM) ou febre botonosa, é unha enfermidade infecciosa aguda causada
por unha rickettsia, a Rickettsia
conorii.
O seu vector principal en Europa é a carracha
Rhipicephalus
sanguineus,
a cal está presente en Galicia [Apéndice] e vixíase a través da
Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec).
O mecanismo de transmisión da enfermidade é a picadura da
carracha, a cal permanece infectada durante toda a súa vida. Aínda
que pode estar presente noutros mamíferos, o hospedador habitual son
os cans e os roedores.
En
Galicia, o número de casos de FEM anuais adoita ser baixo [Apéndice]
e teñen unha marcada estacionalidade que coincide cos meses máis
cálidos nos que abundan estas carrachas (dende finais da primavera a
finais do verán). Ao ser a FEM unha enfermidade de declaración
obrigatoria, vixíase tanto polo Sistema Xeral de Notificación
Obrigatoria de Enfermidades (SXNOE) como polo seguimento que se fai
das altas hospitalarias (CMBD).
O
período de incubación da enfermidade acostuma a ser de entre 5-7
días dende a picadura da carracha, aínda que podería ser máis
longo. O cadro clínico habitual é o comezo brusco de febre con
artromialxias e posterior aparición, entre o 3º e 5º día, dunha
erupción maculopapulosa non prurixinosa que xeralmente afecta ás
palmas das mans e plantas dos pés. Xeralmente cursa de forma leve e
a miúdo aparece, dende o inicio da enfermidade, unha lesión
primaria na pel con aspecto dunha pequena úlcera duns 2 a 5 mm de
diámetro cun centro escuro e unha aureola vermella no lugar da
picadura da carracha, acompañada de linfadenopatía rexional. Debe
terse en conta que os casos non sempre son recoñecibles polo seu
cadro clínico, sendo a veces a febre o único signo clínico
evidente. Para confirmar o diagnóstico, deberanse facer probas de
laboratorio [1].
A
súa prevención consisten en evitar
a picadura ou retirar as carrachas de forma adecuada
no caso de picadura, previr a parasitación dos cans e reducir a
poboación de carrachas.
ACTUACIÓNS
COS CASOS DE TOSE FERINA E COS SEUS CONTACTOS
Como
xa se comentou nun VENRES
e nunha nota
de prensa
recentes, en Galicia estase a producir un aumento de tose
ferina
neste 2024. Ata mediados de abril declaráronse 394 casos, o cal
supón unha alta circulación da tose ferina, facendo prioritaria a
prevención na poboación con maior risco de desenvolver cadros
graves (vulnerables), os <1 ano. No que vai de ano, nestes
notificáronse 28 casos, entre os cales houbo 3 hospitalizados pero
ningunha defunción.
A
tose ferina debe sospeitarse ante calquera persoa que presente tose
durante un mínimo de dúas semanas e teña un dos seguintes: tose
paroxística (especialmente cando se exacerba pola noite e cursa sen
febre), estridor inspiratorio ou vómitos provocados pola tose. Non
obstante, debe terse en conta que as persoas vacinadas poderían
presentar síntomas atípicos.
As
probas diagnósticas só deben realizarse cando exista sospeita
clínica e nunca en persoas asintomáticas.
Ante
un caso sospeitoso ou confirmado, Atención Primaria debe preguntar
polos posibles contactos estreitos que pertenzan a un grupo
prioritario para indicarlles quimioprofilaxe (QP) e, se o precisan,
vacinación [Apéndice]. Ademais, informará ao caso de que o resto
dos contactos tamén deben vixiar posible aparición de síntomas.
Debe terse en conta que a QP ten un impacto limitado nos contactos
estreitos da tose ferina [1]
e
un uso masivo destes antibióticos podería aumentar as resistencias
aos mesmos. Con todo, dado o alto risco de morbi-mortalidade dos máis
cativos, o aumento da incidencia na comunidade e a elevada taxa de
transmisión, recoméndase a QP nos grupos prioritarios para limitar
a transmisión a estas persoas [2]
