EFECTIVIDADE
DA VACINA ANTIGRIPAL NA POBOACIÓN INFANTIL
As
políticas de vacinación antigripal centráronse, tradicionalmente,
nas persoas maiores ou de risco dadas as súas elevadas taxas de
complicacións e mortalidade. Non obstante, cada vez é máis
habitual que se inclúa á poboación infantil entre os grupos
prioritarios das campañas de vacinación fronte á gripe [1].
Isto é debido a que presentan taxas de incidencia de infección moi
elevadas, estimándose que en España son ata 3 veces máis altas que
nas persoas maiores de 65 anos, e taxas de hospitalización similares
[2].
Por todo isto, en Galicia, a vacinación antigripal para a poboación
infantil xa se incluíu no calendario
de inmunización ao longo da vida
na tempada 22/23 e continúase na tempada actual, iniciándose a súa
administración esta mesma semana.
Para
poder medir o impacto da medida preventiva, un estudo
recente publicado no Boletín Epidemiolóxico de Galicia analiza a
efectividade vacinal (EV) fronte á hospitalización por gripe en
poboación infantil
na pasada tempada 23/24 mediante as distintas metodoloxías
dispoñibles. Nel, incluíronse 67.454 persoas, das que 34.531
(51,2%) vacináronse e 732 (1%) tiveron unha hospitalización por
infección respiratoria aguda, 61 das cales foron por gripe.
A
EV estimouse utilizando 4 metodoloxías:
Estudo
de cohortes: a EV obtida, axustada por
idade, foi do 71,4% (IC95% 46,1 – 84,9) mediante o modelo de
regresión de Poisson e do 66,8% (36,8 – 82,5) mediante Cox.
Estudo
test-negativo: estudo casos e controis
aniñado na cohorte no cal se obtivo unha EV axustada do 71,3% (42,3
– 85,8) mediante regresión loxística (RL).
Estudo
de casos e controis emparellado:
repetindo o emparellamento mil veces, no cal se estimou unha EV
axustada mediante RL condicional do 68,5% (57,2 – 78,2).
Método
screening:
a partir da proporción de casos vacinados e a da poboación
vacinada, obtendo unha EV global do 76,7% (55,5- 88,7).
Con
estes resultados, conclúese que a vacina antigripal en poboación
infantil ten unha EV alta, ao redor do 70% [Apéndice]. Polo tanto,
resulta pertinente continuar vacinando a este grupo de poboación e
acadar altas coberturas, principalmente, antes do pico
epidémico.
En Galicia, a
pasada tempada a cobertura de vacinación infantil fronte a gripe foi
do 55,78%,
sen conseguir o obxectivo mínimo do 60%, polo que resulta
fundamental recomendar activamente a vacina e informar dos seus bos
resultados.
O
PAPEL DA ATENCIÓN PRIMARIA NO CONTROL DA TUBERCULOSE
A
tuberculose
(TB) é unha enfermidade prevenible e curable presente en todos os
países e grupos de idade cun enorme impacto. Dende a posta en marcha
do Programa galego de prevención e control da tuberculose, a TB
descende de forma progresiva en Galicia pasando dunha incidencia de
71,8 casos por 105
habitantes
no 1996 a 11,2 no 2023, cunha diminución por termo medio anual do
6,6% [Apéndice].
A
medida que diminúe a incidencia, a TB pasa a considerarse unha
enfermidade “rara” e outros problemas de saúde “compiten”
pola atención do persoal sanitario ao non ser considerada unha
emerxencia inmediata. Deste xeito, o interese e a sospeita
diagnóstica da TB deixan de ser os esperables, o cal favorece a súa
maior transmisión.
Polo
tanto, é importante manter activo o papel da Atención Primaria,
pois a súa labor é fundamental na sospeita diagnóstica e nela
inícianse moitas das accións a desenvolver ante un novo caso. Deste
xeito, a calquera paciente con sintomatoloxía respiratoria
compatible (sobre todo tose inexplicable por outra patoloxía de 2-3
semanas de duración) solicitaráselle unha radiografía de tórax
urxente (coa indicación clara de “Sospeita de TB”), baciloscopia
de esputo e analítica sanguínea (ofertando tamén a proba do VIH).
Ante esta sospeita ou confirmación diagnóstica, contactarase
coa Unidade de TB de referencia (UTB),
que porá en marcha o resto de actuacións a levar a cabo. Ademais, a
Atención Primaria colaborará coa UTB:
Informando
a/o paciente da importancia do illamento aéreo (no caso de TB
transmisible por vía respiratoria e ata que se descarte a
enfermidade), facilitándolle unha máscara cirúrxica e dándolle
instrucións sobre o illamento ás persoas conviventes ou máis
achegadas.
Participando
no seguimento das/dos pacientes e, en caso de producirse,
comunicando as incidencias e abandonos, e colaborando na supervisión
directa dos tratamentos.
Colaborando
no seguimento dos contactos.
Intervindo
nas actividades de información e educación sanitaria das persoas
infectadas ou enfermas.
Cómpre
lembrar que mentres que se están a facer grandes avances para
controlar e curar a TB, a xente aínda enferma por esta micobacteria
na nosa comunidade, polo que todavía queda moito por facer para
conseguir a súa eliminación e só co esforzo de todas e todos
conseguiremos alcanzala.
Para
máis información, podes consultar a documentación do Programa
galego de prevención e control da tuberculose.
EFECTIVIDADE DA VACINA ANTIGRIPAL NA POBOACIÓN INFANTIL
O PAPEL DA ATENCIÓN PRIMARIA NO CONTROL DA TUBERCULOSE

IDENTIFICACIÓN DE POLIOVIRUS EN AUGAS RESIDUAIS DE BARCELONA
A
finais de setembro, Cataluña
notificou a identificación de poliovirus
tipo 2 derivado da vacina en augas residuais. Non obstante, días
despois as novas mostras xa foron negativas. A raíz desta pequena
alerta, queremos resaltar a importancia da vixilancia dunha das
próximas enfermidades a erradicar a nivel mundial, a
poliomielite.
A
principios do século XX, a polio producía parálise a miles de
nenos anualmente. Pouco despois, a introdución de vacinas eficaces
nos 60 fixo que se considerase eliminada
como un problema de saúde pública. Así mesmo, neste século
conseguiuse a erradicación en 2 dos 3 tipos de poliovirus salvaxes
(tipo 2 en 2015, tipo 3 en 2019). Non obstante, en 2024 continúa
circulando o virus tipo 1 en Paquistán e Afganistán, e rexístranse
abrochos derivados de cepas da vacina oral en moitos países [1].
Sabido isto, é necesario recordar a importancia dunha boa cobertura
vacinal (en Galicia a
cobertura da 3ª dose baixou do 95% nos últimos anos)
e coñecer a importancia da vixilancia mediante a notificación
dos casos de parálise flácida aguda en menores de 15 anos
para confirmar que non é un caso de polio (mediante 2 mostras de
feces nos primeiros 15 días da parálise e separadas, polo menos,
24h entre si).