
CONSUMO DE ANTIMICROBIANOS NA ATENCIÓN PRIMARIA DURANTE O ANO 2023
Como
cada ano desde o pasado 2008, o vindeiro 18 de novembro celébrase o
Día
Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos
co obxectivo de sensibilizar sobre a ameaza que a resistencia aos
antibióticos supón para a saúde pública e fomentar o uso adecuado
dos mesmos.
Ao
respecto do consumo global de antimicrobianos en Galicia, na páxina
web da Dirección Xeral de Saúde Pública pode
consultarse información trimestral sobre a dispensación en farmacia
comunitaria,
así como informes anuais máis detallados. Hai que ter en conta que
incluír nestes informes o patrón microbiolóxico e o perfil
poboacional local, permitiría facer unha análise da calidade do uso
dos antibióticos que poderían explicar certas desviacións do
consumo.
Os
datos do 2023, que se publicará no próximo Boletín
Epidemiolóxico de Galicia,
mostran que o consumo en Atención Primaria (AP) foi de 24,04 doses
diarias definidas por cada mil habitantes e día (DHD), superior á
media española de 22,53 DHD [1].
En Galicia a distribución foi entre receita SERGAS (71,0%), privada
(24,4%) e mutuas (4,6%).
Desde
o 2014, o consumo de antimicrobianos en Galicia sempre foi superior á
media española, aínda que ambos tiveron unha tendencia descendente
ata o ano 2020, momento no que se produciu unha caída abrupta
motivada pola pandemia. Non obstante, nos anos 2022 e 2023 o consumo
volveu case aos niveis do 2019, pero cun incremento máis pronunciado
en Galicia [Apéndice].
Máis
da metade do consumo de antibióticos débese ao grupo das
penicilinas, sendo maioritario a amoxicilina-clavulánico cun 29,2%
das DHD consumidas no 2023 seguido pola amoxicilina (24,8%). Outros
antibióticos con consumo significativo foron as cefalosporinas
(13,8%), os macrólidos (12,3%), as fluoroquinolonas (8,8%) e as
tetraciclinas (7,2%).
O
Plan
Nacional frente a la Resistencia a los Antibióticos (PRAN)
establece unha batería de indicadores de consumo de antimicrobianos
en AP orientados a medir a calidade do seu uso. Estes indicadores non
teñen un estándar establecido, senon que adquiren valor ao
compararse entre poboacións homoxéneas ou ao analizar tendencias
temporais. A comparativa de Galicia respecto a España no 2023
mediante os indicadores de consumo establecidos polo PRAN mostra un
escenario desfavorable en Galicia ao presentar un maior consumo
global de antibióticos, unha maior porcentaxe de consumo de
antibióticos de amplo espectro e unha menor porcentaxe de consumo de
antibióticos de espectro reducido, sendo só o indicador do consumo
de fluoroquinolonas mellor en Galicia [Apéndice].
Estes
datos permiten identificar problemas potenciais en Galicia que
dirixan accións de mellora dos Programas
de Optimización do Uso dos Antimicrobianos (PROA).
INICIO DA TEMPADA DE INFECCIÓNS RESPIRATORIAS AGUDAS 2024-2025
Unha
tempada máis, coa chegada do outono comeza o aumento de casos de
infeccións
respiratorias agudas (IRAs),
o cal implica a necesidade de intensificar a información
epidemiolóxica sobre os microorganismos con maior potencial
epidémico: o VRS, a gripe e o SARS-CoV-2.
No
caso do VRS,
tras validar un ano máis o limiar
da onda epidémica
e establecelo nunha positividade do 3%, vemos como nos aproximamos a
estes valores na pasada semana 45 [1].
Polo tanto, é probable que ao longo desta ou da próxima entremos en
onda [Apéndice]. Deste xeito, semella que o VRS volve circular nas
semanas habituais, pois despois da COVID-19 o inicio da onda
adiantouse durante varias tempadas, iniciándose incluso durante o
mes de setembro.
No
caso da gripe,
o inicio da onda epidémica establécese mediante o indicador da
intensidade
da actividade gripal
(razón
do número total de casos de gripe atendidas semanais entre o número
de médicos que os atenderon). Actualmente continuamos en nivel basal
[Apéndice], pero cun lixeiro aumento respecto das semanas previas
que podería indicar un inicio da onda nas próximas semanas,
volvendo tamén a unha circulación típica prepandemia.
Por
último, no caso da COVID-19
aínda non se dispón de suficientes series históricas estables que
permitan definir limiares de inicio da onda epidémica, xa que a
circulación
do virus
non sigue aínda un patrón estacional. Deste xeito, a comparación
só é posible con respecto ás temporadas post-pandemia 22-23 e
23-24 nas que a circulación debuxa ondas menos marcadas cun número
de casos que descende lixeiramente cando aumenta o VRS e a gripe, o
cal tamén está a ocorrer nestes momentos [Apéndice].
Por
todo isto, e para reducir os contaxios e a súa gravidade, resulta
fundamental recordar
a importancia da vacinación fronte a gripe, COVID-19 e VRS
en todas aquelas persoas candidatas e fomentar
un uso adecuado das medidas preventivas,
tanto nas persoas con clínica como naquelas que as atenden na súa
contorna e nos centros sanitarios.
CONSUMO DE ANTIMICROBIANOS NA ATENCIÓN PRIMARIA DURANTE O ANO 2023
INICIO DA TEMPADA DE INFECCIÓNS RESPIRATORIAS AGUDAS 2024-2025
