No contexto dunha sociedade onde son cada vez máis as persoas que padecen ou manifestan problemas de saúde mental, asistimos a un incremento paralelo do consumo de diferentes medicamentos psicotrópicos. Ademáis, a falta de recursos, de tempo e a propia saturación do sistema socio-sanitario, resultan na medicalización de problemas que se deberían tratar con intervencións cognitivas ou sociais, contribuíndo así a este aumento do consumo.
Os hipnosedantes defínense como aqueles medicamentos psicotrópicos empregados principalmente para reducir síntomas como a ansiedade, estrés ou mellorar a calidade do sono. Malia que son medicamentos moi útiles para o tratamento de diferentes doenzas e síntomas, o seu uso non está exento de riscos. A pesar disto, segundo os datos da última enquisa sobre alcohol e outras drogas (EDADES-2024), 1 de cada 20 españois de entre 15 a 64 anos recoñece ter consumido hipnosedantes sen receita algunha vez na vida. A prevalencia de consumo nos últimos 30 días, con ou sen receita, acada o 8% en España e o 10% en Galicia.
O Sistema de Información sobre Condutas de Risco de Galicia (SICRI) do ano 2023 tamén recolleu información sobre o consumo de hipnosedantes entre a poboación galega de 16 anos ou máis. Con preto de 8.000 enquisados, máis de catro veces o número de participantes en EDADES-2024, os datos do SICRI-2023 permiten analizar polo miúdo a situación do consumo de hipnosedantes en Galicia e os factores asociados a este consumo. Globalmente, un 19,1% da poboación galega maior de 15 anos refire ter consumido hipnosedantes no último mes, e o 2% deles conseguiunos sen unha receita. A prevalencia de consumo é máis alta nas mulleres (26% vs. 12%), e aumenta coa idade: do 6% no grupo de 16 a 24 anos ata o 30% nos ≥ 65 anos. O consumo tamén é máis elevado entre as persoas que perciben peor a súa saúde, teñen enfermidades crónicas ou mala saúde mental.
Cando se axusta polas condicións de saúde, todas se asocian significativamente co consumo de hipnosedantes, excepto a multimorbilidade. Pola contra, se estas non se teñen en conta, as características asociadas a un maior consumo son: ser muller, ter máis de 25 anos, vivir nun ámbito urbano, non traballar/estudar, non ter estudos superiores, non convivir en parella, consumir tabaco e ter obesidade [Apéndice].
É imprescindible continuar analizando estes datos nos vindeiros anos para determinar a prevalencia do mal uso naqueles grupos máis susceptibles de ter un consumo problemático e facilitar así a planificación e avaliación en saúde pública a través das tendencias.