ALIMENTACIÓN E ACTIVIDADE FÍSICA NA POBOACIÓN GALEGA. RESULTADOS DO SICRI 2024
O Sistema de Información de Condutas de Risco (SICRI) recolle información anual sobre factores de risco en >15 anos en Galicia, e ven de presentar os resultados de 2024, que por primeira vez inclúen resultados sobre actividade física, sedentarismo e alimentación. En 2024, o 36,6% da poboación declarou sedentarismo no tempo libre e só o 36,1% cumpre as recomendacións de actividade física. O consumo de froita, pan e cereais é elevado, mais só o 33,2% consume verduras diariamente e o 18,4% case nunca toma legumes. Tamén destaca o consumo frecuente de doces e embutidos. Con todo, máis do 70% da poboación compre a recomendación para refrescos, aperitivos ou comida rápida.
O REGAT PUBLICA O INFORME DE INCIDENCIA 2023, O PRIMEIRO CON VALIDACIÓN TÉCNICA
O Rexistro Galego de Tumores (REGAT) publica por primeira vez o informe de incidencia 2023 con validación técnica acreditada. En Galicia diagnosticáronse 17.322 novos tumores (excepto pel non melanoma), maioritariamente en homes (57,5%). As incidencias máis altas foron próstata, pulmón e colorrectal en homes, e mama, colorrectal e pulmón en mulleres. A incidencia aumenta coa idade: o 70% dos diagnósticos en homes e o 60% en mulleres son ≥65 anos. Este informe reforza a importancia da prevención e dos sistemas de vixilancia poboacional con datos de calidade.