Os episodios de vagas de calor coma os que se produciron durante o mes de xuño, teñen un impacto claro na saúde da poboación, causando un aumento da morbilidade e da mortalidade atribuíble a estes episodios. Este pode producirse tanto polo efecto directo ( como é o caso dos golpes de calor) como polo efecto indirecto, xa que a calor ambiental excesiva pode empeorar o estado de persoas previamente enfermas. Ademais, os efectos negativos da calor afectan máis intensamente a nenos, anciáns ou persoas con patoloxías previas.
A raíz da
vaga de calor que afectara a toda Europa en 2003, e que provocara un aumento da morbilidade e un exceso da mortalidade en varios lugares, xerando unha importante alarma social, tanto dende o
Ministerio de Sanidade como dende a
Xunta de Galicia puxéronse en marcha plans anuais de actuacións preventivas ante os efectos das altas temperaturas sobre a saúde.
No caso da Xunta de Galicia, o plan entrou en vigor o día 1 de xuño e continuará vixente ata o 30 de setembro. Ademais dos criterios e niveis para a activación das
alertas por calor no noso territorio, nel tamén se establecen as actuacións para a vixilancia da morbilidade e da mortalidade, que consisten no seguimento das consultas diarias ao 061 relacionadas coa exposición á calor natural e na notificación dos falecementos asociados á calor, respectivamente.
No caso das consultas diarias ao 061, os datos de 2025 mostraron un notable aumento no número de consultas realizadas respecto a anos previos, sendo a maioría delas debidas a golpes de calor, seguidas de síntomas máis inespecíficos, coma síncopes ou desmaios (apéndice). Non se notificaron falecementos asociados á calor, a pesares do exceso de mortalidade rexistrado no
Sistema de Monitorización da Mortalidade diaria por todas as causas (MoMo).
Neste sentido, resulta importante reforzar
as recomendacións sanitarias para previr os golpes de calor, especialmente entre a poboación máis vulnerable, así coma lembrar que todos os falecementos nos cales se considere que a calor pode estar implicada como causa deben notificarse ao servizo de vixilancia epidemiolóxica mediante o envío dos datos recollidos no modelo do
Anexo IX do plan.
A IMPORTANCIA DA NOTIFICACIÓN DE ENFERMIDADES TRANSMITIDAS POR AEDES ALBOPICTUS
O dengue, a enfermidade por virus Chikungunya e a enfermidade por virus Zika transmítense principalmente pola picadura dos mosquitos femia do xénero Aedes, dos cales está presente en Galicia o Aedes albopictus (mosquito tigre). Durante a fase de viremia, que dura de media uns 4-7 días (ata un máximo de 15), o paciente pode transmitir a infección aos mosquitos, no caso de ser picado.
En países sen transmisión endémica como España, a maioría de casos son importados de países onde circula o virus. Aedes albopictus é un vector competente para transmitir o virus e está presente no sur de Galicia e en expansión, como acreditan a vixilancia realizada pola Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) e as notificacións na app Mosquito Alert, da que a poboación galega é unha usuaria especialmente activa. Aínda que o risco de transmisión vectorial autóctona é baixo, debido ao limitado da presenza do mosquito e o escaso número de casos importados, este increméntase no caso da presenza de casos virémicos nos lugares e períodos de actividade do vector, o que fai importante a súa notificación temperá.
En 2025 notificáronse en Galicia 7 casos de dengue, dos que 2 casos foron confirmados e 5 probables, 27 casos de chikungunya, dos que 5 foron confirmados e 22 probables e non se notificou ningún caso de Zika. Tódolos casos notificados foron importados. O 70,6% (n=24) dos casos probables e confirmados destas enfermidades pasaron parte ou a totalidade do período de viremia en Galicia, se ben unha gran parte notificáronse entre novembro e abril, cando non hai actividade vectorial (apéndice).
Tanto o dengue coma a enfermidade por virus Chikungunya e a enfermidade por virus Zika son de declaración obrigatoria en España, polo que no caso de que unha persoa que chegue de zona endémica e cumpra o criterio clínico para algunha delas consulte nun centro asistencial durante o período virémico, o profesional sanitario deberá informar ao SAEG para declarar a sospeita, informar ao paciente sobre as medidas preventivas que debe seguir e solicitar unha proba diagnóstica para confirmar ou descartar a enfermidade, co fin de activar as medidas de control axeitadas.
A VIXILANCIA DOS EFECTOS DA CALOR SOBRE A SAÚDE EN GALICIA

Figura 1: Número de chamadas de cada patoloxía relacionadas coa calor no
ano 2025 en Galicia.
A IMPORTANCIA DA NOTIFICACIÓN DE ENFERMIDADES TRANSMITIDAS POR AEDES ALBOPICTUS

Figura 2: Períodos de viremia dos casos de dengue detectados en Galicia en 2025

Figura 3. Períodos de viremia dos casos de chikungunya detectados en Galicia en 2025.
Se queres subscribirte ou darte de baixa dos envíos do venres epidemiolóxico
envía un correo co asunto “alta” ou “baixa” á seguinte dirección de correo: venres.epidemioloxico@sergas.es
