Número 8: Novo módulo de rexistro de vacinación (RVACU) en IAUNUS. Novo caso de febre hemorráxica Crimea Congo en Salamanca

Número 8: Novo módulo de rexistro de vacinación (RVACU) en IAUNUS. Novo caso de febre hemorráxica Crimea Congo en Salamanca

cabeceira13_8.png


 NOVO MÓDULO DE REXISTRO DE VACINACIÓN (RVACU) EN IANUS

O 29 de xuño de 2026 iniciouse a fase de pilotaxe do novo módulo de Rexistro de Vacinación (RVACU) na Historia Clínica IANUS, deseñado para facilitar e mellorar o rexistro das vacinacións realizadas nos centros sanitarios.​ 

A posta en funcionamento de RVACU incorpora novas posibilidades para o rexistro e a consulta da información vacinal:​

  • Rexistro de vacinas administradas fóra de Galicia, incluíndo as recibidas noutras comunidades autónomas, no estranxeiro ou no ámbito do Ministerio de Defensa, permitindo identificar correctamente o lugar no que se realizou a vacinación e evitando que estas administracións figuren como realizadas no sistema sanitario galego.
  • Rexistro de vacinas non financiadas, permitindo incorporar á historia clínica a información sobre vacinas administradas aínda que non formen parte do Programa galego de vacinación.
  • Rexistro de vacinacións históricas, facilitando a incorporación de información sobre vacinas recibidas con anterioridade e contribuíndo a completar o historial vacinal da persoa.
  • Configuración de campañas de vacinación, que facilita o rexistro das administracións ao permitir predefinir o produto vacinal e o lote, evitando que os profesionais teñan que introducir estes datos en cada rexistro.
  • Descarga do informe de vacinación desde o propio aplicativo, dispoñible en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e con diferentes formas de presentación da información, tanto por produto vacinal como por enfermidade, facilitando a consulta e o acceso á información vacinal por parte dos profesionais e das persoas usuarias.

Para facilitar o uso do novo módulo, os profesionais dispoñen dunha guía rápida de utilización, na que se recollen as principais funcionalidades e os aspectos necesarios para realizar correctamente o rexistro (ligazón).

Esta implantación supón un paso máis na mellora e evolución do sistema de rexistro da vacinación en Galicia, facilitando o traballo dos profesionais e contribuíndo a dispoñer dun rexistro máis completo e fiable das vacinacións realizadas.​ 



 NOVO CASO DE FEBRE HEMORRÁXICA CRIMEA CONGO EN SALAMANCA


​​O 13 de agosto de 2026 o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade (CCAES) comunicou a confirmación dun novo caso de febre hemorráxica polo virus Crimea-Congo (FHCC). Trátase do cuarto caso confirmado de FHCC a nivel estatal no 2026, 3 casos en Castela e León e un caso en Castela-A Mancha. O último caso foi un home de 71 anos cuxa exposición máis probable foi a picadura dunha carracha nas dúas semanas previas ao inicio dos síntomas nunha zona rural da provincia de Salamanca preto de onde se detectaran casos con anterioridade. Dende o 2016, rexistráronse en España un total de 23 casos e 7 falecementos por FHCC (ver apéndice).

Ante estes achados, cómpre ter en conta a posibilidade da aparición desta enfermidade nunha persoa que viaxase á zona de España comentada e lle picase unha carracha e lembrar as actuacións a seguir.  

Cando unha persoa consulta nun centro sanitario por unha picadura de carracha, o manexo clínico será o habitual, advertindo de que consulte de novo se ten febre. 

En Galicia a FHCC non se atopa entre as enfermidades máis frecuentes das transmitidas por carrachas e ata o de agora non de detectou ningún caso autóctono desta enfermidade.  

Non obstante, ante unha persoa con febre repentina (≥39ºC) OU aparición brusca de polo menos dous dos seguintes síntomas: cefalea, dor muscular xeneralizado, conxuntivite, dor abdominal, náuseas, vómitos ou diarrea, que refire picadura de carracha nos 12 días antes do inicio dos mesmos, as actuacións serán as seguintes:

  • Realizar seguimento. para descartar a aparición de manifestacións hemorráxicas nos 5 días despois do inicio de síntomas ou nos 9 días tras a picadura.
  • De aparecer manifestacións hemorráxicas avisarase urxentemente ao 061 e ao SAEG para informar da sospeita dun caso de FHCC.
  • Proporcionarase unha máscara cirúrxica ao doente que deberá ter posta ata o seu illamento no hospital de referencia.

Na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública pódese consultar o protocolo de vixilancia da FCHH (ligazón).

Aproveitamos para recordar a posibilidade de envíar a carracha para a súa identificación a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC), ademáis da dispoñibilidade da aplicación Garrapata Alert [Venres].​




apendice_vol13_8_.png


 NOVO MÓDULO DE REXISTRO DE VACINACIÓN (RVACU) EN IANUS



A imaxe que acompaña esta publicación permite visualizar a nova pantalla do módulo de RVACU en IANUS e as súas principais funcionalidades.


FOTO_1_1.png



 NOVO CASO DE FEBRE HEMORRÁXICA CRIMEA CONGO EN SALAMANCA


FEBRE_1.png





Se queres subscribirte ou darte de baixa dos envíos do venres epidemiolóxico

envía un correo co asunto alta ou baixa á seguinte dirección de correo: venres.epidemioloxico@sergas.es​​​



​​pe_VOL13_8_.png