O
virus respiratorio sincitial (VRS) produce un cadro de infección
respiratoria tanto en poboación infantil como adulta. Aínda que a
meirande parte das infeccións son leves, o VRS é a principal
causa infecciosa de ingreso nos nenos e nenas no seu primeiro ano de
vida e a causa principal, case única, de bronquiolite. Asemade,
nos últimos anos estase a recoñecer a crecente importancia do VRS
como causa de ingreso hospitalario por infección respiratoria en
adultos, especialmente nos maiores de 60 anos.
A
importancia do VRS como patóxeno respiratorio e a dispoñibilidade
dun anticorpo monoclonal, Nirsevimab, que resulta efectivo para
previr entre un 70 e un 80% dos ingresos de nenos e nenas cando
pasan a súa primeira onda epidémica, levou a que en 2023 se
incorporase ao calendario de inmunizacións de Galicia.
Debido
á estacionalidade do circulación do VRS, Nirsevimab
adminístrase nesta tempada nunha campaña de recaptación
aos nados entre o 1 de abril e o 21 de setembro de 2025, a todos os
nenos nados dende o 22 de setembro e o 31 de marzo nos primeiros
días de vida, e aos nados entre o 1 de outubro de 2023 e o 31 de
marzo de 2025 con factores de risco para ter unha infección
grave por VRS.
Como
se comentou, a circulación do VRS é estacional, cunha onda
epidémica anual, que se define a partir dun limiar de onda que na
actualidade se establece no 3% de positividade.
No
informe semanal de seguimento do VRS en Galicia que se pode consultar
nesta páxina, dáse conta da evolución da cobertura acadada pola
inmunización con Nirsevimab e dos ingresos por VRS en
diferentes grupos poboacionais.