A Subdirección Xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria

A Subdirección Xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria

A SUBDIRECCIÓN XERAL DE SAÚDE AMBIENTAL E SEGURIDADE ALIMENTARIA 

 

Correspóndenlle a esta subdirección xeral a aplicación das directrices da dirección xeral en materia de planificación, coordinación e avaliación e difusión dos programas que actúen sobre os factores ambientais determinantes da saúde da poboación galega e das actuacións para paliar os efectos do cambio climático sobre esta; o fomento do enfoque dunha soa saúde (One Health) nas actividades que desenvolva a subdirección en colaboración con outras unidades das consellerías competentes en materia de sanidade humana e de sanidade animal; a planificación, coordinación e avaliación da carteira de servizos e as actividades do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia; a designación dos laboratorios oficiais para levar a cabo as análises das mostras no marco dos controis oficiais ou outras actividades oficiais no ámbito da seguridade alimentaria, segundo o indicado na normativa estatal e europea; o fomento da coordinación entre os distintos órganos dependentes da Consellería de Sanidade con competencias en materia de saúde laboral e a colaboración coas sociedades científicas e co Sistema nacional de saúde, establecendo protocolos de actuación que levarán a cabo os servizos de prevención nas actuacións de carácter sanitario que se realicen nas empresas; a interlocución, coordinación e colaboración con outros departamentos da Xunta de Galicia e da administración local en materia de saúde ambiental e seguridade alimentaria, sen menoscabo das funcións atribuídas a outras unidades; a interlocución, coordinación e colaboración a nivel nacional cos organismos competentes no ámbito da seguridade alimentaria (e, en concreto, coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición en materia de seguridade alimentaria e control oficial de produtos alimenticios) e no ámbito da saúde ambiental (e, en concreto, coa Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios en materia de control oficial de produtos cosméticos e de coidado persoal); asumir as funcións da secretaría da Comisión Galega de Laboratorios para a realización de ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano e a xestión do Rexistro Galego de Laboratorios; a colaboración coa Rede de vixilancia en saúde pública nos aspectos relacionados coa vixilancia en saúde ambiental, seguridade alimentaria e saúde laboral; a colaboración no mantemento do Observatorio de Saúde Pública de Galicia no ámbito da protección da saúde fronte aos riscos asociados aos factores ambientais; o desenvolvemento, en colaboración cos órganos que xestionan as actividades desenvolvidas pola Escola Galega de Saúde Pública, de estudos de investigación e de actividades de formación no eido da saúde ambiental e a seguridade alimentaria; así como todas aquelas funcións, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

 

Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

 

Servizo de Seguridade Alimentaria

Funcións:

a) A planificación, programación, seguimento e avaliación (verificación da eficacia) das actividades de control oficial no marco da protección da saúde fronte aos riscos asociados ao consumo de alimentos. Así mesmo, correspóndelle a difusión da información relacionada con ditas actividades.

b) O asesoramento e a coordinación técnica da actividade inspectora en materia de seguridade alimentaria.

c) A coordinación e o seguimento das actuacións no marco da Rede de alerta alimentaria.

d) A tramitación en materia de autorización e/ou rexistro de establecementos alimentarios e alimentos no seu ámbito

e) A xestión dos sistemas de información de control oficial e outros sistemas de información nacionais e autonómicos dentro do seu ámbito.

f) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

 

 

Servizo de Saúde Ambiental

Funcións:

a) A planificación, programación, seguimento e avaliación (verificación da eficacia) das actividades de control oficial no marco da protección da saúde fronte aos riscos físicos, químicos e biolóxicos asociados a factores ambientais. Así mesmo, correspóndelle a difusión da información relacionada con ditas actividades.

b) A planificación, seguimento e difusión das actuacións para paliar os efectos do cambio climático na saúde da poboación galega.

c) O asesoramento e a coordinación técnica da actividade inspectora e de control oficial en materia de sanidade ambiental.

d) A coordinación da vixilancia entomolóxica e ambiental dos vectores susceptibles da propagación de enfermidades, en colaboración con outros organismos implicados, a través da Rede galega de vixilancia de vectores (Regavivec).

e) A coordinación do control oficial no marco da vixilancia de produtos cosméticos e coidado persoal para desenvolver e impulsar programas dirixidos á prevención e detección de riscos relacionados coa súa utilización. Tamén lle corresponde a xestión das alertas sobre riscos relacionados cos produtos cosméticos e de coidado persoal de uso humano.

f) A coordinación e seguimento das actuacións no marco do Sistema de información rápida de produtos químicos.

g) O fomento da coordinación entre os distintos órganos ou entidades dependentes da Consellería de Sanidade con competencias en materia de saúde laboral, así como colaborar no desenvolvemento dos protocolos de actuación a que deberán someterse os servizos de prevención nas actuacións de carácter sanitario que realicen nas empresas.

h) A emisión dos informes preceptivos en materia de riscos ambientais para a saúde previstos na normativa correspondente.

i) A xestión do Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia e demais que lle correspondan dentro do seu ámbito.

j) A xestión dos sistemas de información de control oficial e outros sistemas de información nacionais e autonómicos, incluídos os sistemas de información xeográficos dentro do seu ámbito.

k) A validación e o seguimento dos programas polos que se establecen os criterios de calidade asistencial en radiodiagnóstico, radioterapia e medicina nuclear.

l) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

 

 

Servizo de Laboratorio de Saúde Pública de Galicia

Funcións:

a) O desenvolvemento das actividades do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, incluíndo a posta a punto de técnicas analíticas e a realización das análises que se lle encomenden en materia de saúde pública.

b) A xestión e coordinación dos medios humanos e técnicos das unidades do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

c) O deseño, a implantación e mantemento dos programas de calidade no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia e a elaboración do plan de auditorías internas, así como a coordinación e, cando proceda, a execución da dita planificación.

d) O asesoramento técnico e científico no ámbito da saúde ambiental e seguridade alimentaria, dentro da súa competencia.

e) A introdución e actualización da información dispoñible na base de datos da Rede de laboratorios de seguridade alimentaria (Relsa) da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición.

f) A xestión e a coordinación con outros laboratorios oficiais para a remisión das peticións das análises que non se realicen no propio laboratorio

g) A participación na Rede galega de microbioloxía en saúde pública.

h) A participación na investigación e na innovación en saúde pública no ámbito das súas funcións.

i) O impulso do desenvolvemento de novas metodoloxías analíticas no campo dos laboratorios de saúde pública, en especial na determinación de contaminantes emerxentes e na secuenciación xenómica.

j) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.