Decreto
144/2024, 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.
A Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado da prevención, promoción e protección colectiva da saúde da poboación galega e do desenvolvemento de programas sanitarios en materia de saúde pública.
A súa misión é a mellora da saúde da poboación galega desde unha perspectiva comunitaria e de equidade. Para iso, identifica perigos para a saúde, os problemas de saúde e as poboacións máis susceptibles; avalía os riscos asociados aos perigos e os problemas de saúde identificados; vixía e monitoriza os perigos, os riscos e os problemas de saúde que afectan a poboación galega e, de acordo coas políticas de saúde da Comunidade Autónoma de Galicia, propón, planifica e, se procede, desenvolve programas e actuacións para controlar os riscos de enfermar ou morrer prematuramente.
A xestión, desde o punto e vista da saúde pública, das pandemias e crises sanitarias corresponderalle á Dirección Xeral de Saúde Pública, establecendo as liñas de actuación en colaboración coas direccións territoriais, o Servizo Galego de Saúde e calquera outra unidade implicada nesta.
Á Dirección Xeral de Saúde Pública correspóndelle a coordinación de todos os axentes que poidan intervir nos programas sanitarios de saúde pública, así como na vixilancia en saúde pública, campañas de vacinación, detección precoz de enfermidades e calquera outra actividade da súa competencia. Neste senso a Dirección Xeral de Saúde Pública establecerá as liñas de actuación e directrices para o correcto desenvolvemento destas actuacións no Sistema de saúde de Galicia. Os efectivos que exerzan nos servizos periféricos as funcións de desenvolvemento e execución dos programas de saúde pública dependerán organicamente da dirección territorial que corresponda e funcionalmente da Dirección Xeral de Saúde Pública. Co fin de conseguir a adecuada planificación e integración dos recursos de saúde pública que mellore a resposta ante situacións de emerxencia sanitaria e na prevención e vixilancia da saúde poboacional, as/os profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, que desenvolvan as súas competencias nos departamentos territoriais da Consellería de Sanidade e nas xerencias das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, nos ámbitos do control e prevención de enfermidades, actuarán baixo a coordinación funcional da persoa titular do órgano directivo da Consellería de Sanidade con competencias en materia de saúde pública.
Corresponde a esta dirección xeral, no marco da actuación sanitaria, o desenvolvemento das actividades como autoridade competente en materia de saúde pública e exercer a potestade sancionadora nos termos previstos na lexislación vixente. Para tal efecto, poderá acordar o inicio, de oficio, de expedientes sancionadores en materia de seguridade alimentaria, saúde ambiental, alcohol, tabaco ou outras comprendidas no seu ámbito de actuación.
Así mesmo, a Dirección Xeral de Saúde Pública emitirá o informe vinculante a que fai referencia o artigo 4 da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
A persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública dirixirá as actividades da Escola Galega de Saúde Pública, iniciativa creada mediante o Decreto 86/2022, do 19 de maio, polo que se establecen a creación e o marco normativo regulador das actividades da Escola Galega de Saúde Pública, e que ten o obxectivo de fomentar a formación e investigación científica en materia de saúde pública necesaria para dar resposta aos desafíos e perigos para a saúde da poboación e, en particular, ante ameazas sanitarias globais.
A Dirección Xeral de Saúde Pública velará pola transparencia e a información relevante e de calidade sobre saúde a través do desenvolvemento do Observatorio de Saúde Pública.
Correspóndelle a esta dirección xeral, no ámbito das súas competencias, a definición e priorización dos desenvolvementos necesarios nos sistemas de información de saúde pública.
A persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública exercerá a presidencia da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos, da Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles, da Comisión galega de coordinación e seguimento da actividade fronte á infección por VIH/Sida e outras infeccións de transmisión sexual, da Comisión Asesora sobre Diabetes en Galicia, e do Consello técnico de seguimento e mellora da calidade no control oficial en saúde pública, da Comisión técnica para o seguimento e avaliación do Plan Obesidade Zero en Galicia, do Comité asesor do Programa galego para a detección precoz de enfermidades xenéticas, endócrinas e metabólicas en período neonatal e do Consello de Asesoramento do Rexistro Galego de Tumores.
A Dirección Xeral de Saúde Pública contará, para o cumprimento destas competencias, coa seguinte estrutura: