PRESENTACIÓN DO PROGRAMA:
"Apuntámonos
a non beber" é un programa de prevención do consumo do alcohol
e das bebidas enerxéticas dirixido a nenos e nenas de idades
comprendidas entre os 11 e 14 anos, idades nas que se observan os
primeiros contactos con estas bebidas.
Concretamente,
está enfocado ao alumnado de 6º de Educación primaria obrigatoria
(EPA) e de 1º e 2º de ESO.
OBXECTIVOS DO PROGRAMA:
Os obxectivos
do programa son:
Previr
o consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas en menores de
idade, atrasar a idade do seu comenzo e, no caso de que xa se
iniciase o consumo, desenvolver habilidades sociais e estratexias de
socialización e de asertividade en ámbitos libres de consumo de
bebidas alcohólicas e enerxéticas, así como potenciar as
habilidades para saber dicir NON ante as presións grupais.
Coñecer
a relación entre o consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas,
a saúde e os riscos de exclusión social (dependencia, adicción)
para desnormalizar a conduta de consumir estas bebidas na mocidade.
Dotar
ao alumnado de ferramentas para analizar con espírito crítico a
publicidade e dar pautas para deseñar unha campaña de prevención
do consumo de bebidas alcohólicas e/ou enerxéticas.
METODOLOXÍA E ACTIVIDADES:
O
programa consiste en desenvolver un proxecto relacionado coa
prevención do consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas en
persoas menores de idade. Os centros escolares promoverán que
cada aula participante elabore un traballo en equipo no que terán
que entregar unha campaña de contrapublicidade do consumo de bebidas
alcohólicas e/ou enerxéticas ou de fomento do non consumo, en
calquera soporte gráfico ou audiovisual. O persoal docente deberá
participar no antedito programa asumindo o seu compromiso e
implicación no seu desenvolvemento e na participación nas
intervencións presenciais que se leven a cabo co alumnado e as
familias.
O
programa está deseñado para traballar na aula como un proxecto
interdisciplinar e como tema transversal no Proxecto Educativo do
Centro, integrado no espazo de Educación para a saúde durante todo
o curso escolar. As actividades están distribuídas en dúas
intervencións (1ª de novembro a xaneiro, 2ª de febreiro a maio) e
serán implementadas polo persoal técnico do programa dos
departamentos territoriais da Consellería de Sanidade:
-
Primeira
intervención
(entre os meses de novembro e xaneiro) para o ALUMNADO de 50 minutos
de duración (unha hora lectiva) por parte da persoa do Departamento
Territorial de Sanidade responsable do programa. Nela exponse en que
consiste o programa e ofrécese información sobre as bebidas
alcohólicas e enerxéticas e as súas implicacións para a saúde.
Ademais,
ofréceselle ás familias un folleto con infografía, alertando dos
riscos do consumo de bebidas alcohólicas e enerxéticas, e unha
enquisa sobre hábitos de consumo destas bebidas no ámbito familiar,
que estará dispoñible en versión dixital na páxina web da
Consellería de Sanidade, para facilitar a súa cobertura. Nesta
enquisa indagarase tamén sobre o interese en participar nunha
charla-coloquio para as familias sobre os riscos do consumo de
bebidas alcohólicas e enerxéticas e as ferramentas para abordar
situacións cotiás e previr estes consumos na mocidade. No caso de
existir familias interesadas, realizarase esa intervención antes do
31 de xaneiro. O profesorado do centro responsable do desenvolvemento
do programa deberá estar presente no momento das intervencións.
-
Unha
segunda intervención
(entre febreiro e maio) para o ALUMNADO de 50 minutos de duración
(unha hora lectiva) por parte da persoa do Departamento Territorial
de Sanidade responsable do programa. Nesta intervención facilitarase
información sobre a lexislación actual en relación ao consumo de
bebidas alcohólicas e enerxéticas e ofreceranse ferramentas para
analizar con espírito crítico a publicidade destas bebidas. Daranse
tamén pautas para que o alumnado poida deseñar unha campaña de
prevención do consumo destas bebidas en calquera soporte
audiovisual, para que a aula traballe nun proxecto común elaborando
unha CAMPAÑA DE CONTRAPUBLICIDADE sobre un anuncio de bebidas
alcohólicas e/ou enerxéticas ou que fomente o non consumo destas
bebidas na mocidade. O formato da campaña poderá ser gráfico ou
audiovisual: slogan nun cartel publicitario, canción, representación
teatral (máximo 3 minutos), páxina web, etc. A campaña deberá
estar dirixida á mocidade, cunha mensaxe positiva, clara e orixinal,
aportando unha visión crítica da publicidade. O profesorado do
centro responsable do desenvolvemento do programa deberá estar
presente no momento das intervencións.
Ademais,
o alumnado cumplimentará un cuestionario inicial ao comezo do
programa e outro á súa finalización. Por outra parte, o
profesorado cumplimentará un cuestionario ao final do mesmo para
poder efectuar unha avaliación global deste programa
á
súa finalización.
TRABALLO FINAL:
Cada
aula participante deberá entregar unha campaña de contrapublicidade
do consumo de bebidas alcohólicas e/ou enerxéticas ou de fomento do
non consumo destas bebidas.
Entregarase
UN SÓ TRABALLO POR AULA PARTICIPANTE. A súa entrega terá como data
límite o 15 de maio de 2027. Os orixinais destes traballos quedarán
en poder do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas da
Consellería de Sanidade e poderán ser utilizados na elaboración de
materiais educativos ou divulgativos.
Haberá
un premio para os 3 mellores proxectos de campañas de
contrapublicidade e/ou de fomento de non consumo realizadas por cada
aula. O premio gozarao toda a aula gañadora. A persoas técnicas
responsables do programa informarán ao centro directivo cales son as
aulas gañadoras do premio. Os centros gañadores quedarán
recollidos na páxina web da Consellería de Sanidade.
Existen
dúas modalidades de participación
-
INSCRICIÓN VÍA WEB DA DIRECCIÓN XERAL DE SAÚDE PÚBLICA
Enlace á folla de inscrición
-
INSCRICIÓN VÍA PROXECTA/SINERXÍA