A febre hemorráxica de Crimea-Congo (FHCC) é unha enfermidade causada por un virus do xénero Orthonairovirus, pertencente á familia Nairoviridae. Trátase dun virus zoonótico, endémico en África, os Balcáns, Oriente Medio e Asia. En España, o virus dectectouse por primeira vez en carrachas en Cáceres no ano 2010, e os primeiros casos en humanos diagnosticáronse en Ávila en 2016, un caso por picadura e outro secundario por contaxio no medio sanitario. O principal modo de transmisión é a picadura de carachas do xénero Hyalomma, que actúan como vector e reservorio. Tamén se pode transmitir por contacto directo con sangue ou fluídos corporais de animais infectados (principalmente rumiantes) ou por contacto con sangue ou fluídos de pacientes en contornas asistenciais en persoas que non utilicen os equipos de protección adecuados. A transmisión interhumana é rara, pero posible.
Desde o punto de vista de saúde pública, a FHCC representa un risco relevante debido á súa alta letalidade (pode superar o 30 %), á posibilidade de transmisión nosocomial e á presenza de carrachas infectadas no medio natural español, especialmente en zonas como Castela e León, Estremadura e Madrid, aínda que tamén se evidenciou a súa presenza no territorio galego. A detección precoz e a coordinación entre vixilancia entomolóxica e humana son clave para previr a transmisión e controlar posibles abrochos.
En España, a FHCC foi incluída na listaxe de enfermidades de declaración obrigatoria urxente no ano 2015. Ante un caso probable, é obrigatoria a notificación urxente ó SAEG e activar os protocolos de Saúde Pública, que inclúen o illamento do paciente, confirmación microbiolóxica no laboratorio de referencia e seguimento dos contactos.
Máis información sobre a febre hemorráxica de Crimea-Congo na seguinte ligazón.