CAMBIO NOS FORMATOS DE ANTIBIÓTICOS E ACTUALIZACIÓN DAS GUÍAS DO PRAN
O pasado 29 de abril publicábase a Resolución de la Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (AEMPS) sobre la adecuación de los formatos de los medicamentos de los grupos terapéuticos J01, na que se establecía a retirada da distribución e venda dalgúns formatos de antibióticos e a súa substitución por formatos de menor tamaño. Esta medida afecta aos seguintes principios activos: amoxicilina, amoxicilina-clavulánico, cefixima, cefuroxima, cloxacilina, fenoximetilpenicilina e fosfomicina.
Esta iniciativa enmárcase nas actuacións do Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos (PRAN) orientadas a axustar os formatos á duración real duración real dos tratamentos prescritos. O obxectivo é promover pautas posolóxicas máis curtas e axeitadas, co fin de favorecer un uso racional dos antimicrobianos, reducir o risco de desenvolvemento de resistencias e minimizar o impacto ambiental derivado da eliminación de doses sobrantes.
Na práctica, isto supón que os envases de 30 comprimidos, empregados ata o de agora en pautas de administración de un comprimido cada 8 horas durante 7 días, serán substituídos por envases de 20 comprimidos, o que na práctica afectará nesta fase ás pautas de amoxicilina e amoxicilina/clavulánico. Deste xeito, elimínase a última dose da pauta tradicional, en consonancia coa evidencia científica dispoñible, que indica que a nova duración é suficiente para o tratamento das infeccións máis frecuentes.
A implantación desta medida levará asociados cambios nos sistemas de prescrición da historia clínica electrónica. Como primeiras actuacións, estableceranse pautas de tratamento por defecto de 7 días para os antibióticos afectados, ademais de incorporarse mensaxes informativas dirixidas tanto a profesionais como a pacientes nos sistemas de prescrición e nas follas de instrucións ao paciente, respectivamente. Así mesmo, estase a avaliar unha segunda fase de intervencións, que podería incluír medidas adicionais como a prescrición diferida e a limitación da duración das pautas nos antibióticos con formatos modificados.
Por outra banda, o mes pasado publicouse tamén a actualización da guía de tratamento das infeccións do tracto respiratorio superior en pediatría do PRAN. Estas infeccións representan ata o 70 % das consultas por enfermidades infecciosas na infancia. A pesar de que na súa maioría teñen unha orixe vírica, estímase que arredor do 60 % dos nenos atendidos por esta causa reciben tratamento antibiótico, o que os converte no grupo poboacional que máis antibióticos consume.
A nova guía revisa e actualiza, conforme á mellor evidencia científica dispoñible e seguindo a metodoloxía GRADE, as recomendacións de práctica clínica para as infeccións máis habituais. Ademais, incorpora recomendacións de tratamento antimicrobiano baseadas na clasificación AWaRe, co obxectivo de contribuír á redución das resistencias bacterianas. Esta guía está dispoñible na aplicación electrónica da Guía Terapéutica Antimicrobiana do Sistema Nacional de Saúde, facilitando o seu acceso e uso polos profesionais na práctica clínica diaria.
INCORPORACIÓN DA VACINA FRONTE AO MENINGOCOCO B NA ADOLESCENCIA
O Programa Galego de Vacinación mantén desde hai anos o compromiso da actualización do calendario de inmunización ao longo de toda a vida, sendo un dos máis completos que existen. Unha das últimas incorporacións do calendario inclúe a vacinación fronte ao meningococo B dos adolescentes aos 12 anos. Esta medida entrou en vigor a partir do 1 de maio de 2026, e aplícase aos adolescentes nados desde o 1 de xaneiro de 2014.
En Galicia, a inmunización fronte ao meningococo B estaba incluída, xa desde o ano 2022, no calendario no primeiro ano de vida, cunha pauta de tres doses aos 2, 4 e 12 meses, proporcionando protección temperá. Co obxectivo de reforzar a protección na adolescencia, incorpórase unha dose de reforzo desta vacina aos 12 anos de idade.
A pauta de vacinación aos 12 anos establécese en función do estado vacinal previo:
• Ningunha dose previa de vacina fronte ao meningococo B: administraranse dúas doses, separadas por un intervalo mínimo de 1 mes.
• Unha ou máis doses antes dos 10 anos de idade: administrarase unha única dose de reforzo aos 12 anos.
A partir dese momento, a vacinación establécese de forma sistemática aos 12 anos no calendario de inmunización, aplicándose de maneira continuada ás cohortes sucesivas para garantir a protección na adolescencia.
A ampliación da cobertura fronte ao meningococo B en adolescentes contribúe de maneira directa á redución da carga de enfermidade, xa que estes son un grupo clave na portación, e polo tanto, na transmisión da enfermidade. Esta vacinación en adolescentes permitirá manter a protección individual, dado que a resposta inmunitaria inducida na infancia diminúe ao longo do tempo. A administración nestas idades funciona como dose de reforzo, optimizando a persistencia de anticorpos nun período de maior interacción social e exposición.
CAMBIO NOS FORMATOS DE ANTIBIÓTICOS E ACTUALIZACIÓN DAS GUÍAS DO PRAN

Se queres subscribirte ou darte de baixa dos envíos do venres epidemiolóxico
envía un correo co asunto “alta” ou “baixa” á seguinte dirección de correo: venres.epidemioloxico@sergas.es
